Coruña vista aerea

27 ene 2013

Un poema de Concha López Fernández


Monte Faro

Xulio López


Devecerá en ti a anguria
de non sentir a existencia,
de non ver entrar o sol cada mañá
para fundirse no teu seo.
Devecerá en ti a mágoa
de non escoitar o bambeo
das miñas palabras,
de perder o rumbo do po
que levantan os meus pasos.

Devecerá todo en ti, minguará...

Porque medra o teu sorriso
se ves medrar o meu,
se te acariño co pensamento,
se sintes aloumiños e bolboretas
pousar entre as túas dobras...

Isto é o que quero darche,
porque non entende máis
o meu entendemento
que darche sen ida nin volta,
só darche iso, o que son,
para que sexas eu, sendo ti,
ti e eu ao mesmo tempo,
para sermos esencia derramada
que humideza os manteis
da nosa mesa,
para sermos nota e silencio,
clave e pentagrama,
páxina, libro, verba e pluma,
para sermos unha e un
un nunha, só aire e terra,
sol e auga.

Concha L. F.

No hay comentarios: